Friday 19 de April de 2024

O BNG achega propostas de mellora en accesibilidade, seguranza viaria e aparcadoiros


Pérez Barral trasladou propostas concretas na xuntanza da Mesa de Peonalización celebrada hoxe

Após un ano desde a úñtima xuntanza e tralas peticións do BNG e outros colectivos, reuniuse a Mesa de Peonalización na que se trataron asuntos relativos ás rúas peonís e outros relativos ao tráfico rodado no municipio.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, trasladou diversos porblemas que rexistra o tráfico rodado en Ribeira, a falta dunha boa planificación e insta ao goberno local a establecer estratexia a longo prazo que permita avanzar na ordenación das rúas peonís, mellorar os aparcadoiros disuasorios e garantir a accesibilidade nas beirarrúas.

Desde o Bloque valoran negativamente que Ribeira careza dun plan de transporte público, que o goberno evite avanzar na remunicipalización do aparcadoiro do Centenario para garantir que haxa estacionamentos suficientes a un prezo razoábel e que non se avance na peonalización de novas rúas. “O alcalde debe deixar de prometer á lixeira cuestións que logo non vai cumprir porque iso xera malestar na poboación” asegurou Barral.

Pérez Barral trasladou a necesidade de cumprir co acordo que se chegou cos comerciantes da rúa Rosalía de Castro para realizar a reforma desa rúa, ordenar os accesos e as cargas e descargas nas rúas peonís, aumentar e mellorar a sinalización dos aparcadoiros públicos, crear camiños escolares seguros e avanzar no calmado do tráfico.

Xestión pública do Centenario

Pérez Barral tamén se referiu á situación do aparcadoiro do Centenario para criticar a política privatizadora do PP que provocou un encarecemento nos prezos e un caos na xestión. Ante as declaracións feitas por Ruiz nas que se aseguraba que volvería privatizalo, o concelleiro nacionalista remarcou que o BNG oporase á súa privatización e defenderá a xestión pública do Centenario para poder poñelo a disposición da veciñanza con tarifas reducidas e bonificacións para aquelas persoas que merquen no comercio local. Esta medida, finalizou Pérez Barral, permitiría axudar ao comercio local a mellorar as súas vendas e tamén se aumentaría o número de estacionamentos públicos, algo moi necesario a día de hoxe.